25.Ago.2010 Compostela Skate 2010

Cartaz do Compostela Skate 2010 con Zapatones como personaxe central (obra de Mutante)

Cun pouco de retraso deixo constancia aquí da celebración en Santiago do Compostela Skate, un pequeno festival de cultura urbana que tivo lugar na cidade durante as festas da Ascensión.

O día 15 de maio de 2010 tivo lugar no Campus Vida da Universidade de Santiago unha mostra de cultura urbana na que se puido disfrutar de varias das súas manifestacións: break dance, BMX, hip hop (504, Tramaturgia, Hermano L e Kultama), skate e street art.

Belin en gran formato.

No tocante ó street art, que é o que nos interesa aquí, a acción centrouse no patio do I.E.S. Arcebispo Xelmírez I (Rúa Poza de Bar, s/n) e a maior atracción era ver a Belin (Linares, España) cos sprays na man (e abofé que pagou a pena).
Nos muros arredor do patio e en paneis de madeira dispostos para a ocasión tamén puidemos ver graffitis de Seko (Pontevedra), Talada (Santiago), Osiris (Santiago), Meos (Vigo), Nana (Ordes), La gripe (Lugo), Concepto Circo: Bona, Yoe e Snijer (Lugo), Aiser (A Coruña), DKTC (Ordes), Zero (Santiago), Ongos (Santiago), Miss 7 (Ourense), Poch (Ponferrada) e Gum (Ordes) [e fixo que algún outro que non estaba na listaxe].

Nos estilos temos de todo: underground, realismo, clásico, cousas máis modernas… só spray, combinando técnicas, con stencils, etc. Calidade moi variada pero inda hai un par de eles interesantes e algún outro que apunta maneiras. Tamén hai algunha foto de obras anteriores e que están na calexa que vai da Rúa Poza de Bar ó Campus, xusto de lado do instituto.

O evento estivo organizado pola Concellería de Xuventude e Festas do Concello de Santiago de Compostela ca colaboración da xente de Cultura Urbana.

A galería no interior do artigo.

Perdoade a calidade das fotos, inda non tiña a cámara nova e están tiradas co móbil.

As obras feitas nos muros inda se poden ver, incluso a de Belin, así que aproveitade.

Gracias a odeleandro pola achega de datos sobre os autores do cartaz.

Comentarios desactivados en Compostela Skate 2010