26.Dec.2009 Bathroom Graffiti Project


Molde de flor no baño de cabaleiros do Pub O Patachim (A Coruña)

Este blogue vai de arte urbana, de arte nas rúas, mais de vez en cando farei algunha excepción para amosar outros recunchos onde os artistas deixan as súas pegadas fóra das rúas.

Un deses sitios onde sempre se poden atopar pequenas (ou grandes) mostras de arte son os cuartos de baño e os aseos de locais públicos (maioritariamente pubs e discotecas). Antes, despois ou durante do chamado “descanso do guerreiro” e axudado polos efluvios alcohólicos e a noite, o artista deixa a súa sinatura (alén de parte del).

O máis común son as expresión escritas, mais por común eu non lles vou prestar moita atención. Tamén podemos atopar pegatinas, debuxos a rotulador e máis raramente cousas con spray ou outras formas. Inda que a maioría soen ser sinxelos (a cola sempre manda) podemos atopar cousas realmente elaboradas.

Sei que moitos estades ó tanto deste tipo de traballo, pero que tampouco é para tanto nin para adicarlle tempo algún. Por iso traio aquí o Bathroom Graffiti Project, un proxecto que invita a xente de todo o mundo a engadir calquera mostra de graffiti de baño que atopen. Como eles mesmos din, as pintadas nos baños son “un medio de comunicación que nin China pode censurar” [ler o manifesto]. Inda que o Bathroom Graffiti Project rematou fai algún tempo como tal a xente non deixa de sumar os seus achádegos [aquí podedes ver os meus].

Os artistas urbanos nunca descansan e aproveitan calquera espazo, calquera curruncho (por pequeno ou imposíbel que poida parecer) para deixar a súa marca.

E agora vén a pregunta: Onde se atopan as mellores pintadas, no baño de cabaleiros ou no de señoras?

Comentarios desactivados en Bathroom Graffiti Project